O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS de Marcos Calveiro

Marcos Calveiro (1968, Vilagarcía de Arousa) reside en Vigo onde traballa como avogado. Deuse a coñecer no eido da literatura infantil e xuvenil no que acadou numerosos galardóns. Tamén escribiu poesía e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida a un público adulto, Festina lente. Coa obra O pintor do sombreiro de malvas recibiu o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009.

Un adolescente é enviado pola súa nai a pasar unha tempada cunha tía na vila de Auvers. Transcorre o verán de 1980 e o rapaz vai coincidir co pintor Van Gogh durante dous meses. Entrambos xorde unha relación que os fai inseparables. O mozo convértese no guía do artista e xuntos percorren a contorna e comparten as súas angurias persoais. Marcos Calveiro reproduce con grande mestría os acontecementos, os ambientes e os personaxes a través dunhas descricións magníficas polo seu detalle coma se estivese a pintar un cadro.

PREGUNTA: QUEN FOI O MÉDICO QUE LLE CORTOU A PERNA A PIERRE DURANTE A GUERRA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

TODO O TEMPO DO MUNDO de David Pérez Iglesias

David Pérez Iglesias(Ames, 1962) é escritor, guionista e profesor de lingua e literatura no IES de Porto do Son. Como narrador publicou os libros O pergameo de Elir (1987); Estación Término (1993), premio de relato Cidade de Lugo; e Cando veña a noite (2005), premio Antón Avilés de Taramancos. Algúns dos seus relatos forman parte de obras colectivas como «Samago, Fascismo» de Tecendo Panos (2000), premio Manuel Murguía de narracións breves; «Mares do Sur» de Paisaxes e palabras (2001) e «Vidros» de A garza insomne (2016). Coordina o proxecto “Son cine” de introdución do audiovisual na escola, traballo de innovación educativa polo que foi premiado pola Consellaría de Educación e a ASPG. Con Todo o tempo do mundo obtivo o Premio Merlín de Literatura Infantil 2016.

Ariadna lembra aqueles vinte días felices que pasaron entre a mañá en que chegou á aldea na furgoneta dos panadeiros e a mañá en que Valente, o seu avó, a deixou no aeroporto, camiño de Canadá, onde emigraron os seus pais despois de ser despedidos do traballo. Días inesquecibles de verán nos que esta rapaza de case doce anos aprendeu na casa da Albariza o nome de cada unha das árbores e a identificar o son do río e da fervenza, do merlo e do paspallás.

PREGUNTA: CANTOS ANOS TIÑA O PAI DE ARIADNA CANDO ESCRIBIU O SEU NOME NAS PEDRAS DO VALO DO ADRO QUE ARRODEA A IGREXA? VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !