COMO UNHA ÁNCORA de Iria Collazo López

Naceu en Barro (Pontevedra) en 1981, pero leva no Morrazo (primeiro Moaña, agora Cangas) desde os sete anos. As historias que lIe contaron, que vive e que respira nestes dous lugares impregnan boa parte do que escribe.

Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e titulouse co Premio Extraordinario Fin de Carreira. Ao ano seguinte aprobou as oposicións ao Ensino Secundario e hoxe exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega.

Coma unha áncora, unha novela de amor, mar e xustiza é a súa primeira obra literaria publicada. A segunda chegou en 2016, A soidade das medusas, un conxunto de relatos enlazados que conta coas marabillosas ilustracións de Luz Beloso e que foi finalista dos Premios da Gala do Libro Galego dese mesmo ano.

Coma unha áncora é moito máis que unha historia mariñeira arredor dun naufraxio. Sobre todo, é unha novela de amor. Esa clase de amor que viaxa máis aló das fronteiras, da lóxica e do que coidamos normal. Neste libro atoparás momentos inesquecibles onde se manifestan o misterio e o inexplicable, mais tamén a vida con toda a súa forza, tanta, que vai por enriba da morte. Empezarás a ler e xa non vas poder parar. Prepárate para naufragar dentro dunha páxinas cheas de feitizo…

PREGUNTA: CANDO ESTARÁ MANUEL PREPARADO PARA VOLVER Á SUPERFICIE ?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA!

DENÉBOLA A ROXA de Héctor Cajaraville

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) estudou Xornalismo e actualmente é profesor de Lingua e Literatura galegas. En 2015 gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, De remate, e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Quen dá a quenda? (2016). Nese mesmo ano, a súa obra A caixiña dos rancores (2016) recibiu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil; en 2016 gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta con Once portas (2017) e o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil con Denébola a Roxa. Coa súa novela Kusuma (2018) obtén o Premio Merlín de Literatura Infantil 2018.

O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela. Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino.

PREGUNTA: CAL É O VERDADEIRO MOTIVO POLO QUE “O FINÉS”DECIDE ATACAR O GALEÓN AO CUARTO DÍA DE ESPERA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !