GUEDELLAS DE SEDA E LIÑO de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e converteuno na súa lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección “Árbore” da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación.

Guedellas de seda e liño  é unha novela chea de contrastes, na que a nobre delicadeza do ambiente pacego habitado polos seus protagonistas contrasta vivamente coa ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes que por alí roldan. Esta novela convídanos a compartir un mundo complexo, unhas veces radiante e outras veces noxento, que ten no amor a súa última e verdadeira xustificación.

PREGUNTA: QUEN FIXO A CHAMADA À GARDA CIVIL QUE PERMITIU A DETENCIÓN DE ELISARDO FAMÉRIDES?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA!

CORREDORA de María Reimóndez

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro. É tamén fundadora da organización de cooperación internacional Implicadas/os no Desenvolvemento, da que foi presidenta ata 2013, amais de fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.

María Reimóndez escribe dende os seis anos, aínda que o seu primeiro libro publicado é de 2002, Moda Galega. Na súa mocidade foi gañadora de varios premios, coma o Rúa Nova ou o Minerva. Colaborou con artigos de opinión na plataforma dixital Vieiros e no periódico A Nosa Terra. O 8 de marzo de 2017 resultou gañadora do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Tamén en 2017 gañou o I premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, coa obra Fóra do normal.

Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin.

PREGUNTA: A NAI DE GENET RECIBIU UNHA CARTA, UNHA VEZ QUE ESTA SE FIXO FAMOSA. QUEN ESCRIBIU ESA CARTA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !