ALI BABÁ, MORXIANA E OS CORENTA USUREIROS de Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre (Madrid1947) é escritora e tradutora sobre todo en galego. Destaca na literatura infantil e xuvenil. De profesión é bióloga, na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2017 é membro da Real Academia Galega. Coa súa obra A banda sen futuro, 1999, obtivo o Premio Lazarillo e coa Teoría do caos, 2001, o Premio Xerais.

Era unha vez o xefe dunha banda de corenta ladróns. E un home bo que se chamaba Alí Babá. E unha cova chea de tesouros que abría cando alguén dicía: “Ábrete, sésamo!” Todos coñecemos a historia. Mais, o que ás veces se esquece é que a verdadeira protagonista é Morxiana, unha muller afouta que lle vai dar a volta ao mundo, e á historia tradicional, e vai salvar a súa familia e a vila toda. E, sobre todo, vai loitar contra os usureiros e os ditadores, e todos os que fan a fortuna erguéndose sobre os cadáveres dos máis febles e desafiuzados da historia. Marilar Aleixandre cóntanos o conto de sempre mais non coma sempre.

PREGUNTA: CANTAS VECES MORXIANA SALVA A ALÍ BABÁ E A SÚA FAMILIA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

OS NENOS DA VARIOLA de María Solar

María Solar (1970) naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora do programa A revista fin de semana da TVG. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas de todos os xéneros.. Ademais foi actriz de dobraxe. Como autora, céntrase no público infantil. No ano 2014 alzouse co Premio Lazarillo polo seu libro O meu pesadelo favorito, que entraría, en 2015, na Lista White Ravens da Biblioteca de Múnich.

Con Os nenos da varíola obtivo o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano”

Sen dúbida, estamos diante da novela máis ambiciosa e lograda de María Solar. Desta volta achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un papel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis

PREGUNTA: POR QUE EZEQUIEL NON VAI IR A AMÉRICA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !