AS PALABRAS PODEN MATAR de Marcos Calveiro

palabras

Marcos Sánchez Calveiro (Vilagarcía, 1968) neto de feirantes e taberneiros, reside en Vigo, onde traballa como avogado. Comezou a publicar con máis de 35 anos, e fíxoo inicialmente no eido da literatura infantil e xuvenil. Tamén ten escrito poesía e, en 2008, publicou a súa primeira novela dirixida a un público adulto, Festina lente.

 Gañador de premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo, Calveiro consolidouse como unha das voces máis importantes da Literatura Xuvenil  actual. A meirande parte da súa obra está traducida ao castelán e catalán.

Na colonia Seavia, morren cada ano máis de trinta mulleres, homes e nenos vítimas da violencia. Os seus habitantes están todos xordos, mudos e cegos, porque saben que as palabras poden matar. Todos agás o Chibo e os seus sicarios, que campan polo barrio como amos e señores de todos os que alí malviven. Cando aparece Silencio, un guedellán que só fala coas mans e coa faciana, ninguén sabe que a súa presenza mudará a vida dun barrio sen soños nin esperanzas.

PREGUNTA: QUEN DESCOBRE A VERDADEIRA IDENTIDADE DO SEÑOR ABIMAEL?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

XUNTOS E MÁIS NADA de Anna Gavalda

xuntos

Anna Gavalda (Boulogne-Billancourt, 1970) é unha escritora e periodista francesa.  Licenciouse e obtivo un máster en Linguas Modernas pola Universidade da Sorbona.É profesora de Lingua nun colexio e columnista da revista Elle.

En 1992 gaña o Premio France Inter con La plus belle lettre d’amour (A carta de amor máis fermosa). En 1999, mentres traballaba como xornalista, publicou unha colección de relatos curtos co título de Je voudrais que quelqu’un m’attende quelque part (Quixera que alguén me esperara nalgún lugar), que tivo un grande éxito de crítica e vendas.
A súa novela Amábaa (Je l’aimais, 2002) consagrouna a nivel internacional ao ser un éxito de vendas en 21 países. Ese mesmo ano publicou a novela xuvenil 35 kilos d’espoir (35 quilos de esperanza), que escribiu para homenaxear aos seus estudantes que non rendían na escola e que, porén, eran unha xente fantástica.

Hoxe, é a escritora francesa máis lida, aclamada por unha crítica e un público absolutamente entregados.

Publicada en 2004, a novela Ensemble, c’est tout (Xuntos, máis nada) trata sobre as vidas de catro persoas que viven nun apartamento: una moza artista que traballa de limpadora pola noite, un aristócrata peculiar e sociópata, e un cociñeiro e a súa avoa. Nesta, Anna Gavalda reflexiona sobre a fraxilidade do ser humano, ese equilibrio entre a felicidade e o desalento.
Foi outro éxito de vendas en Francia. Recentemente realizouse unha película basada na novela.

PREGUNTA: COMO E ONDE SE DECLARA PHILIBERT Á SÚA MOZA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !