FEBRE. Héctor Carré

Héctor Carré (A Coruña, 1960), é coñecido pola súa longa traxectoria no mundo do cinema. Foi axudante de dirección de grandes cineastas como Terry  Gillian, Mario Camus, Steven Spielberg ou Pedro Olea. Traballou de guionista  tanto das súas propias longametraxes como para a TVG. Coordinou a serie para Antena 3 Nada es para siempre. Obtivo multitude de premios coa realización de publicidade e curtametraxes, documentais e videoclips.

Tamén está vinculado á escritura, conseguindo coa súa primeira obra de literatura xuvenil, Febre, o Premio Fundación Novacaixagalicia 2011.

O autor relata como na vila de Noia, durante a segunda guerra mundial, a extracción do volframio marca a existencia de toda a poboación. A través das vivencias de Carmucha , unha moza de 17 anos, cun carácter rebelde e que non se acomoda fácilmente aos valores tradicionais do momento, coñecemos os mineiros furtivos e observamos os abusos e toda a corrupción que rodea a febre do ouro negro.

PREGUNTA: QUEN É O AVÓ NA HISTORIA QUE CONTA?

                     VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

AS FLORES RADIOACTIVAS. Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é escritor e pedagogo. Foi profesor de lingua galega no ensino primario e secundario. É autor de numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica das linguas, a promoción da lectura ou  a introdución dos medios de comunicación nas aulas. É un persoeiro clave na literatura infantil e xuvenil, xénero no que escribiu máis de 50 obras e co que recibiu numerosos premios como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2008.

Na fosa atlántica, preto de Fisterra, onde os países europeos botaron verteduras radioactivas, aparece unha enorme mancha brillante na superficie da auga.O Alto Mando da OTAN acouta a zona despois de inspeccionala e de descubrir que o resplandor está formado por unhas estrañas flores. Diante da falla de novas oficiais, os membros de ADEGA, unha asociación ecoloxista, deciden investigar. Diríxense nun barco pesqueiro cara á mancha cando descobren que levan a bordo un polisón. É Alba, e xogará un papel importante nesta aventura.

PREGUNTA: QUE EFECTO TEN O ARRECENDO DAS FLORES SOBRE A XENTE?

        VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !