Heinz Delam: La selva prohibida

Heinz Delam Lagarde (Burdeos, 1950), sendo fillo de nai española e pai alemán, repartiu a súa infancia entre Francia, Alemaña e España. Aos doce anos a familia trasladouse ao Congo, onde permaneceu durante dez anos nos que Heinz cambiaría a súa visión do mundo. Coñeceu os misterios da natureza, as historias contadas arredor do lume polos anciàns das aldeas. Desde hai tempo, vive en Madrid, e a súa afección á lectura levouno a escribir relatos nos que aparece unha realidade descoñecida para o lector.

La selva prohibida é a segunda novela de Heinz Delam. A historia recreada na selva africana, narra a vida nun poboado guerreiro de Kabindji, un mozo de 17 anos. Séntese desprezado por todos e decide descubrir cales son as súas verdadeiras orixes, tras descubrir que existe un terrible secreto vinculado ao seu pasado. Terá que abandonar a tribo que o viu medrar e vivir perigosas aventuras.

PREGUNTA: COMO SE CHAMA O GUERREIRO QUE DESAFÍA AO XEFE-BRUXO A UN COMBATE POLA XEFATURA?

                VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

Gabriel García Márquez: Relato de un naufrago

Gabriel García Márquez (1928) é un escritor e periodista colombiano. Naceu en Aracataca e dedicouse inicialmente ao periodismo. Debido ás súas ideas políticas de esquerdas tivo que pasar as décadas de 1960 e 1970 exiliado en México e en España. O seu traballo de periodista terá unha grande influencia nalgunhas das súas novelas como Relato de un náufrago, Crónica de una muerte anunciada ou Noticia de un secuestro. En 1967 publica Cien años de soledad, a súa obra máis coñecida e que o consagra dentro do panorama novelístico mundial. En 1982, recibiu o Premio Nóbel de literatura e foi formalmente invitado polo goberno colombiano a regresar ao seu país.

Aínda que coñecida con este título abreviado, o verdadeiro título desta obra, resume perfectamente a historia: Relato de un náufrago que estuvo diez días a la deriva en una balsa sin comer ni beber, que fue proclamado héroe de la patria, besado por las reinas de la belleza y hecho rico por la publicidad, y luego aborrecido por el gobierno y olvidado para siempre. Publicado por entregas en El Espectador de Bogotá en 1955 e máis tarde en libro (en 1970), non é unha novela, senón unha reportaxe periodística sobre un suceso real.

PREGUNTA: A QUE HORA CHEGAN SEMPRE OS TIBURÓNS?

                VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

RESISTENCIA

Rosa Aneiros Díaz (Valdoviño, 1976) é licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC. Xornalista de profesión, colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, aínda que a súa actividade literaria está centrada no relato, e sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente no ano 2003.

En Resistencia, Rosa Aneiros percorre a historia portuguesa do século XX, a través dos ollos dos membros de dúas familias que se verán arrastradas polos acontecementos. A ditadura portuguesa marcará as vidas de Dinís, un obreiro da fábrica de vidro dos Irmáns Stephen, e de Filipa, a filla dun rico comerciante de Coimbra. A súa é unha fermosa historia de amor e sufrimento que se vai ver truncada pola represión política.

PREGUNTA: ONDE SE EXILIAN FILIPA E O SEU PAI ?

        VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

DRAGAL: A HERDANZA DO DRAGÓN

Elena Gallego Abad naceu en 1969 en Teruel, aínda que se criou en Verín. É xornalista e presenta unha longa traxectoria profesional tanto na prensa escrita coma na radio. Iniciouse como escritora coa novela Dragal, a herdanza do dragón (2010) coa que quedou finalista do premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009. Acaba de publicar a segunda parte desta triloxía: Dragal, A metamorfose do dragón.

A autora decidiu escribir este libro para que o seu fillo de 16 anos lese, xa que lle gustaban moito os dragóns e Harry Potter. Deste xeito, en Dragal, A herdanza do dragón, os dragóns e a maxia aparecen na vida de Hadrián despois da morte do seu pai. O rapaz e a súa nai múdanse desde a cidade a un vila de Galicia. Alí, descobre que o antigo medallón que herdou do seu pai non é o que parece, que na biblioteca dos seus devanceiros hai estraños libros de maxia e que na súa cabeza soan as palabras do dragón da fachada da igrexa de San Pedro. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para que se cumpra a profecía.

PREGUNTA: POR ONDE SAÍRON HADRIÁN E MÓNICA DA CAVERNA ?

        VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !