Quen escribiría isto?

Cómo chove miudiño

como miudiño chove;

cómo chove miudiño

pola banda de Laíño

pola banda de Lestrove

¡Cómo a triste branca nube

truba o sol que inquieto aluma;

cál o cubre e o descubre,

pasa, torna, volve e sube,

enrisada branca pruma!

 

 

QUEN ESCRIBIRÍA ISTO?

Cando eu andaba no estudo era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabilleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras!

Entón o agarradiño ainda era un pecado venial, e bailábamos con tino, para que os vellos non refungasen.

As mozas acorazaban o corpo con xustillos e non consentían o arrimo; pero arrecencían a roupa gardada con mazáns e carne lavada con xabrón de rosas. Os mozos bailábamos por darlle gusto ás pernas, e contentábamonos co cheiro.