A ARTE DE TROBAR de Santiago Lopo

Santiago Lopo (Vigo, 1974)  é escritor, tradutor e profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. En 2006, gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con Game Over. Con Hora zulú obtivo en 2012 o Premio Manuel García Barros de Novela, un dos galardóns máis prestixiosos das letras galegas. A súa obra, A diagonal dos tolos, conseguiu o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2014, e con A arte de trobar, a súa quinta novela, o Premio Xerais de Novela 2017.

No século XIII, unha ” troupe ” de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga.

PREGUNTA: COMO ACABA ISAHORT COA VIDA DE NUNO?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

NEMO O RAPAZ SEN NOME de Davide Morosinotto

Davide Morosinotto (1980, Italia) sempre quixo ser escritor e, de neno, durante as horas de clase, imaxinaba incribles aventuras e mundos fantásticos. Publicou numerosos libros xuvenís e, ademais, é periodista e tradutor de videoxogos. Sente debilidade polos lugares fríos e chuviosos. Encántalle pasear por cidades descoñecidas e un dos seus soños é dar a volta ao mundo coa súa moto.

Europa, 1829, un rapaz de pel escura viaxa nun transatlántico e desembarca no porto de Le Havre. Deseguido, monta nun coche de cabalos que se dirixe cara a un colexio para mozos aristócratas que se atopa preto de París. Non é un estudante coma os demais: solitario e silandeiro, ninguén coñece o seu verdadeiro nome. Os seus amigos chámano Nemo. A vida de Nemo está envolta no misterio. É un rapaz introvertido, pero consegue vencer as súas reticencias e, á fin, inicia unha sólida amizade con Ashlynn e con Daniel. Só a eles lles ha revelar a súa orixe e o motivo polo que perdeu o nome. Así e todo, Nemo ten unha misión que cumprir. Alguén atravesou o mundo para darlle caza, pero el está máis decidido ca nunca a continuar a súa fuxida. Os tres amigos escaparán xuntos do colexio para comezar unha grande aventura.

PREGUNTA: COMO CONSEGUIU NEMO ABRIR O TARABELO DA PORTA PARA LIBERAR A DANIEL?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

EL GUARDIAN ENTRE EL CENTENO de J.D. Salinger

J. D. Salinger (1919 – 2010) estudou nunha academia militar, e posteriormente nas Universidades de Nova York e Columbia. Durante a segunda guerra mundial serviu na mariña. Comezou a escribir relatos para revistas locais logo de licenciarse do exército en 1945. En 1951 publicou O vixía no centeo, a súa primeira e máis famosa novela. En gran parte autobiográfica, presenta a un adolescente, Holden Caulfield, que escapa da academia onde estuda para volver a Nova York. A novela escrita cun estilo e linguaxe propios dos adolescentes converteuse nun clásico. Posteriormente Salinger publicou as coleccións de relatos Nove contos en 1953; Franny e Zooey, en 1961; e Erguede, carpinteiros, a viga do tellado e Seymour: unha introdución, que apareceron xuntos en 1963, estes últimos protagonizados pola disfuncional familia Glass. Despois de conseguir fama e notoriedade con O vixía no centeo, Salinger converteuse nun eremita, apartándose do mundo e protexendo ao máximo a súa privacidade.

No vixía no centeo Holden Caulfield, o protagonista da novela, converteuse no prototipo do adolescente rebelde e confuso que busca a verdade e a inocencia lonxe do mundo falso dos adultos. Nunha confesión sincera, Holden desvélanos a realidade dun rapaz enfrontado ao fracaso escolar, ás ríxidas normas dunha familia tradicional, á experiencia da sexualidade,…

PREGUNTA: CANTOS CARTOS TEN HOLDEN NA SÚA CONTA BANCARIA ?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

VIAJE AL CENTRO DE LA TIERRA de Julio Verne

 

Jules Verne, escritor francés (1828- 1905) é considerado o pai da ciencia ficción moderna. Nos seus inicios comeza a escribir libretos para operetas e obras de teatro pero non tivo moito éxito. En 1863 obtivo o seu primeiro éxito coa publicación de Cinco semanas en globo. As viaxes e a ciencia son elementos fundamentais na súa obra e espertaron vivamente o interese por elas nos lectores do século XIX. Convertiuse nun dos grandes escritores da súa época. Ademais, Julio Verne prediciu con asombrosa exactitude moitos dos inventos do século XX: fogetes espaciais, submarinos, helicópteros,…

Grazas a un pergamiño rúnico que revela o camiño ao centro da terra, o profesor Lidenbrock e o seu sobriño Axel descubrirán un mundo subterráneo, con mares, bosques e animais antediluvianos.

Sobrevivirán ao perigoso encontro con dinosauros xigantes, poderosas tormentas e seres misteriosos?

PREGUNTA: ONDE O TÍO DE AXEL LLE FAI REALIZAR EXERCICIO PARA COMBATER A VERTIXE?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

AS LÁGRIMAS DE SHIVA de César Mallorquí

AS LÁGRIMAS DE SHIVA de CÉSAR MALLORQUÍ

César Mallorquí (1953, Barcelona) é escritor, periodista e publicista. Comezou o seu traballo como xornalista na Cadena Ser.

Actualmente dedícase en exclusiva á literatura infantil e xuvenil e á novela negra.
César Mallorquí acadou numerosos premios, tanto con relatos de ciencia ficción como coa literatura xuvenil. Ademais foi recoñecido co Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil de 2013.

No mesmo ano no que o home pisa a lúa por primeira vez, Xavier vai pasar o verán máis emocionante da súa vida. Xunto a Violeta deberá descifrar un enigma: o misterio dun obxecto moi valioso que estivo perdido durante sete décadas e que forma parte da historia familiar, As lágrimas de Shiva.

Amores prohibidos, estrañas desaparicións, vinganzas cruzadas e unha vella pantasma van enchendo de emoción as páxinas deste libro.

PREGUNTA: COMO SE CHAMA O BARCO NO QUE MARCHA BEATRIZ ?            VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

XENARO E O MISTERIO DA MOCHILA VERDE de Mar Guerra

Xenaro e o misterio da mochila verde é a primeira novela da periodista Mar Guerra. Con esta obra obtivo o premio Merlin de Literatura Infantil de Xerais no ano 2008.

A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os videoxogos, o xadrez, os cómics, os documentais, a música…. Pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios.

Antonio é novo no colexio. Sempre leva unha grande mochila verde ás costas que esperta a curiosidade de Xenaro e dos seus amigos.

PREGUNTA: QUE CONTIÑA A MOCHILA VERDE?VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

GUEDELLAS DE SEDA E LIÑO de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e converteuno na súa lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección “Árbore” da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación.

Guedellas de seda e liño  é unha novela chea de contrastes, na que a nobre delicadeza do ambiente pacego habitado polos seus protagonistas contrasta vivamente coa ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes que por alí roldan. Esta novela convídanos a compartir un mundo complexo, unhas veces radiante e outras veces noxento, que ten no amor a súa última e verdadeira xustificación.

PREGUNTA: QUEN FIXO A CHAMADA À GARDA CIVIL QUE PERMITIU A DETENCIÓN DE ELISARDO FAMÉRIDES?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA!

CORREDORA de María Reimóndez

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro. É tamén fundadora da organización de cooperación internacional Implicadas/os no Desenvolvemento, da que foi presidenta ata 2013, amais de fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.

María Reimóndez escribe dende os seis anos, aínda que o seu primeiro libro publicado é de 2002, Moda Galega. Na súa mocidade foi gañadora de varios premios, coma o Rúa Nova ou o Minerva. Colaborou con artigos de opinión na plataforma dixital Vieiros e no periódico A Nosa Terra. O 8 de marzo de 2017 resultou gañadora do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Tamén en 2017 gañou o I premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, coa obra Fóra do normal.

Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin.

PREGUNTA: A NAI DE GENET RECIBIU UNHA CARTA, UNHA VEZ QUE ESTA SE FIXO FAMOSA. QUEN ESCRIBIU ESA CARTA?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

PERSÉPOLIS de Marjane Satrapi

Persépolis é a autobiografía de Marjane Satrapi, unha muller iraniana nada en Teherán en 1969 no seo dunha familia progresista. Pero, ademais do retrato da vida da autora, tamén é o reflexo da revolución iraniana de 1979 que deu lugar a un goberno islámico e de como o viviron as familias do país. Desde o inicio, coa introdución do veo na vida social e a separación por sexos nas escolas, até a vida universitaria e as revoltas estudantís, Satrapi fai un repaso á súa vida que se remonta aos seus antepasados, axudándonos a entender as motivacións históricas da revolución islámica, mostrándonos á vez unha opinión crítica co goberno.

PREGUNTA: QUE PREGUNTA LLES FAN OS GARDIÁNS DA REVOLUCIÓN ÁS PARELLAS PARA SABER SE ESTÁN CASADOS?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !

SOLOS de Gazzotti e Vehlman

Un novo día empeza como cada mañá en Fortville, pero… nada é coma antes. Os que espertaron esta mañá deambulan por unha cidade deserta até descubrir que só quedan cinco deles. Cinco nenos: Dodji, Leila, Celia, Iván e Terry. Que puido pasar ? Onde están os seus pais e os seus amigos ? Abandonados á súa sorte, desamparados e sen idea de que facer nunha cidade onte familiar, hoxe hostil. Parece que a tormenta agarda nesta mañá de verán e descubrirán pronto que a cidade lles reserva desagradables sorpresas. Os nosos protagonistas uniranse para enfrontar os numerosos e perigosos obstáculos que xurdirán na súa procura dunha explicación do ocorrido. Xuntos! O primeiro volume de Solos ofrece tres episodios e presenta o principio dunha serie que reunirá thriller, misterio e aventuras.

Traducida a media ducia de idiomas e vendida a máis dun millón de exemplares só en Francia, esta serie conta con 8 episodios publicados en Francia, o seu país de orixe. Premio do cómic 9-12 anos do Festival de Angoulême en 2007 e 2010. Dúas veces Gran Premio do Journal de Mickey, Premio Diagonale 2013 á mellor serie

PREGUNTA: QUE CASTIGO LLE PUXO SAÚL A DODGI POR TER UNHA ARMA ?

VEN BUSCALO Á BIBLIOTECA !